A senda do auga é para a choiva e o barro do inverno

sendaauga-6

Ten moito tráfico de bicicletas. Na fin de semana, demasiado. É un camiño de terra cun perfil totalmente chan e aderezado con bonitas e continúas vistas á Ría de Vigo. No verán, ideal para familias enteiras e paseos ou para ciclistas de escasos kilómetros. De tódolos xeitos, aquel que ten máis horas de pedaleo necesita fuxir da monotonía e buscar cambios de pendente. Isto todo durante os meses de sol, pero no inverno a situación é totalmente distinta.

A senda da auga, unha pista forestal que une Vigo (a través das parroquias de Redondela) co embalse de Eiras en tres tramos, transfórmase co mal tempo nun trazado cheo de cambios de ritmo, de esforzos e de trampas. A terra dura convértese en barro e o ciclista ten que pedalear moito e con tino para atravesar o maltreito camiño mentres as súas pernas enchénse de terra, como os nenos pequenos xogando na choiva. Absoluta diversión.

No inverno  o recorrido transformase nun trazado duro e selectivo que atravesa lugares de especial beleza. Follas caídas no outono, regatos convertidos en auténticos ríos e os camiños en regatos. O son da auga é constante e o tráfico rodado moito menor. Os elementos danlle especial beleza a cada curva, case a cada metro. Sen dúbida, a Senda do Auga adquire todo o seu significado cando o líquido elemento está presente no chan como demostra a seguinte galería de fotografías tirada co teléfono.

Para os curiosos, aquí deixo a ruta completa dende Vigo. Xa saben, en inverno gaña en diversión.