Bob Esponja e un carro de bois nos tradicionais maios de Redondela

maiosredondela2013-5

“Que por mayo era, por mayo, cuando hace la calor…”, na literatura; “maio, o mes das flores”, como eslogan popular. O certo é que a primavera en Galicia luce con todo o seu esplendor no inicio de este mes e, como en outros moitos lugares, Redondela celebra a Festa dos Maios o primeiro día deste mes. Festivo porque é o día internacional do traballo, que tanto escasea neste tempo.

En Redondela sempre foi unha festividade marcada polo popular. O habitual é que os veciños reúnanse nun baixo e, na semana anterior, especialmente a noite antes, confeccionen a figura que presentarán ao concurso. Este último ano houbo trece a concurso e outras dúas que non optaron aos premios por un ou outro motivo. As coplas recollidas nun folio e vendidas a ‘voluntad’ cántanse no escenario. Canto máis críticas e enxeñosas máis posibilidades teñen de levar un premio e tamén de sacarlle ás cores o alcalde ou concelleiros que seguen o concurso dende o balcón.

Este é o resumo rápido desta tradición e da súa mecánica en Redondela. Non obstante, é curioso realizar unha análise dos motivos de cada figura. Porque, a pesares de ser unha tradición de orixe pagá, as cruces e os cruceiros son unha figura repetida é que, xunto cos conos, teñen a súa categoría propia. Despois están os ‘creativos’, nos que case nunca falta unha igrexa ou un canastro coroado por unha cruz.

Aínda que na edición 2013 os maios mediáticos foron un carro de bois e un ‘Bob Esponja’ absolutamente ‘tuneado’. Ámbolos dous concentraban as miradas na Alameda de Redondela e, probablemente, os votos do xurado. Non deixa de ser curiosa a contraposición entre a sociedade moderna e o agrarismo tradicional. O que chega pola televisión e o que está apartado no pendello ou de adorno nunha leira. A primeira idea supoño que sería de neno, a segunda, dunha asociación de veciños.

O certo é que, simultáneamente  unha cámara de televisión estaba diante de cada un deles. Os nenos coa boina na cabeza, como corresponde neste día, xuntábanse arredor do reporteiro co micro na man. Unhas palabras curiosas e uns cánticos que sempre quedan ben en pantalla. Bob Esponja e o boi eran os maios mediáticos da edición 2013.


P.D. Fóra de concurso (seguramente por non cumprir as normas) había unha tesoira. Elas sufriron as súas propias consecuencias e seguro que algún político gustaríalle collelas. Tempos de tesoira.