Cando un especulador está nunha comunidade de montes, un merendeiro para cabalos

Galleiro merendeiro (5)

Sabemos da súa existencia por chalets a pé de praia, aeroportos sen avións ou edificios baleiros. Son os especuladores. Xente que se mistura entre nós, que poden ter unha ou outra profesión, pero que, ó final, sempre ensinan a súa faciana. Viven para manexar cartos, facer obras e levar comisións, xa sexa en diñeiro branco ou negro. Nos últimos anos, proliferaron en partidos políticos…

Pero este caso é distinto, esta vez o especulador naceu nunha pequena aldea de Ponteareas. Por alí, non había terreos, nin interese polos chalets, pero tiñan árbores, probablemente eucaliptos, que vender a algún madeireiro. Isto sempre deixa uns cartos na comunidade de montes presidida polo noso home, pero se a sede xa está feita, hai que buscar un novo lugar para meter os cartos.

Entón, chega a brillante idea. “Facemos un merendeiro alá enriba no monte Galleiro. Seguro que alí, a setecentos metros de altitude, xuntase un montón de xente os fins de semana do verán para comer”, pensaría o especulador. Decenas de mesas pola explanada, churrasqueiras e recinto pechado (igual alguén quere levar as pedras para casa).

Galleiro merendeiro (1)

Con este formulación pasa o lóxico, que os únicos visitantes deste merendeiro son os cabalos que pastan no lugar. Ata alí só se accede por unha tortuosa pista de terra duns cinco quilómetros. Apta para todoterreos e bicicletas. É dicir, unha explanada a 700 metros de altitude e sen casa nas proximidades, xusto o lugar totalmente inaccesible onde a ninguén se lle ocorre ir cun grupo de amigos a facelo churrasco dos domingos. Iso si, os cabalos teñen que facer un esforzo para saltar o absurdo valado de ferro a beber na fonte. Ata niso pensaron os especuladores da comunidade de montes.

Galleiro merendeiro (2)