Louzán, un asesor a tempo evitaría pasarse coa fotografía

A imaxe dun político. Sempre hai que coidala, aínda que estropeala sexa moi doado. Presentacións de eventos, vestimenta, discurso… Todo na súa correcta orde e sen cometer ningunha torpeza irremediable. Un político, coa súa constante campaña de promoción, debe aparecer nos medios con frecuencia. O que pasa é que algunha vez, alguén queda sen freos e a fotografía, mais que mellorar a imaxe, é unha agresión.

louzan

Un exemplo claro é esta instantánea de Rafael Louzán na praia da Lanzada. A intención era presentar unha proba internacional de surf. Puido pensar por si mesmo o por alguén do seu gabinete, que a mellor imaxe era esta. Así, con traxe de neopreno no que lle custaba disimular a barriga, o político inverteu uns cantos intentos para conseguir sosterse o tempo suficiente enriba da táboa.

Parémonos nos detalles técnicos, pernas estiradas (nin idea de surfear) táboa diríase que sospeitosamente grande (de feito é de windsurf), e un home de apoio detrás que era o encargado de empuxalo para dar a sensación de que o político avanzaba. Outro detalle, case non hai onda…

Agora supoñamos que un traballador érguese ás 7 da mañá, pide un café con leite no bar enfronte ó traballo e atopase a un político facendo surf, con estilo dubidoso, cos seus cartos. O enfado que pode apañar… Consecuentemente, a sensación de mala imaxe multiplícase.

O presidente da Deputación de Pontevedra ten un gabinete de comunicación ó seu servizo. Alguén dentro deste debería parar esta tolemia de fotografía. Se non houbo ninguén para facelo ou é que Rafael Louzán está rodeado de incompetentes ou é que non se deixa asesorar. En calquera caso, a foto pasouse de promoción e entra no campo do ridículo, do desprestixio persoal. Alomenos, non chega ó nivel daquela instantánea de Núñez Feijóo nos lumes de 2006.

En todo caso, neste exemplo unha fotografía de Rafael Louzán ben vestido e rodeado de táboas de surf na praia houbera chegado. Outra opción sería xuntarse cuns cantos participantes. Case calquera opción que se poida pensar neste contexto sería rechamante, pero sen sobrepasar os límites do ridículo. O gabinete de comunicación da Deputación de Pontevedra e o propio Rafael Louzán deberían aprender a lección.

P.D. Haberá xente que dirá que conseguiu saír en case todos os medios. Iso é certo, pero de forma negativa. Tamén saen os que provocan un accidente ou unha morte…