Os fillos da Ría de Vigo

os-fillos-do-mar-2

Pedro Feijóo naceu en Vigo e, seguramente, na súa casa as fiestras estaban abertas dende ben pequeno. Debido a isto, o arrecendo do mar entraba na súa casa. O frescor mariño da brisa do verán. O vento húmido das borrascas do inverno. É probable que, na súa infancia, os pais levaran ó escritor por algunhas das praias da cidade. Tamén existe a posibilidade de que, cuns anos máis, cruzara a Ría de Vigo para pasear polos areais do Morrazo.

Todo isto é case habitual, costumista para os veciños da cidade con dous dedos de fronte. O que racha a norma é que Pedro Feijóo escribe e faino, máis o menos, ben. Polo tanto, esa mente que xa escondía un mozo creativo, trazou pouco a pouco historias de piratas, escoitou falar da batalla de Rande cos seus galeóns, da Guerra Mundial, da inmigración, dos barcos de dobre casco, do Vigo profundo, da ditadura, da emigración, de Arxentina…

os-fillos-do-mar-5

E, sobre todo, escoitou, mollouse nelas e observou as Rías Baixas, especialmente as de Vigo. Así trazou un personaxe puramente galego, un arquitecto nostálxico e que non sabe se sube nin baixa. Tamén atopou ó narcotraficante e situouno nunha nave do Berbés. Probablemente, alí nunca chegaron a operar, pero é o lugar onde calquera película situaría o seu lugar, non hai que enganarse. Non todo serían acertos porque a muller, Mariña, é menos galega que a saia escocesa. Non obstante, tamén na terra existen persoas así e, como exemplo, unha foi alcaldesa de Vigo e levaba na cara máis pintura que un salón de 100 metros cadrados con estuco veneciano e aínda non sabe falar galego, de feito dubido que o entenda…

Volvamos o libro porque, con estes ingredientes, Pedro Feijóo tece unha historia de ficción, imaxinativa, inverosímil e algo superficial. Non obstante, os matices, a paisaxe, os elementos da contorna, como un furtivo temerario, e, sobre todo, a historia real das augas do Atlántico e as súas costas serven para tecer a novela e crear un relato atractivo, bonito, e máis que recomendable. Unha historia para que gocen os maiores e, se ten un fillo adolescente, para que aprenda sen decatarse esas cousiñas as que non atende no instituto. En definitiva, imprescindible.

Título: Os fillos do mar
Autor: Pedro Feijóo Barreiro
Xerais (2012). 426 páxinas

os-fillos-do-mar-1