Unha carreira pola beleza

21k-costa-da-vela-4

Aldán, ‘bosque escondido’, Facho, Costa da Vela, Cabo Home, praia de Melide, Barra, Liméns, Areamilla. Lugares do concello de Cangas, de singular beleza e enorme atractivo. Moitos saberán do seu nome por unha día na praia, unha visita en coche, unhas vacacións.

O complicado é xuntar isto nun día e sen medios de locomoción. Uns tolos pensaron que era posible e decidiron organizar unha carreira denominada 21k Costa da Vela. Entón, chegou o momento de escoller o trazado. A saída no medio do monte, unha fraga para comezar cunha baixada, un paso la Ría de Aldán e un ascenso por carreiros para o monte Facho.

Primeiros metros de percorrido nos que quedou claro que aquilo sería un correr por camiños, carreiros, corredoiras, pasos de pé, sendas, vieiras ou calquera tipo de vía sen asfalto e pola que se poida camiñar ou trotar, incluído un amplo catálogo de praias. O esforzo da organización foi notable para primeiro deseñar e, a continuación, sinalizar e limpar (desbrozadora en man) 21 quilómetros con infinitos cruzamentos, pasos difíciles entre leiras, peldaños ou casas…

21k-costa-da-vela-5

Soamente por chegar ás proximidades do cumio do Monte Facho e poder descender devagar por toda a Costa da Vela cara Cabo Home coas Illas Cíes ó fondo xa pagaba a pena tentar facer a carreira. Pero existía moito máis, avanzar polo sempre recóndito areal de Melide, para entre árbores e rochas, chegar a nudista Barra, con atletas entre bañistas espidos, despois Nerga e, a continuación, uns cinco quilómetros pola abrupta costa ata Cangas.

Unha leira por aquí, un novo areal por alá, o vello coa mangueira refrescando ós esforzados atletas. Unha nova subida no camiño costeiro, outra baixada, a penúltima praia, coidado co marco que tropezas… E para chegar, un túnel de menos dun metro de ancho, dúas curvas e chegada na praia de Areamilla. Os máis rápidos alcanzaron o lugar en hora e media, o que escribe tardou algo máis de dúas e cuarto para os 21 quilómetros máis fermosos que se poden atopar nunha proba atlética. A paisaxe é inmellorable, o percorrido, non queda lonxe.

21k-costa-da-vela-3

Perdoen por se as fotografías non son as mellores, pero un destes dous que está na seguinte, bastante tiña con chegar…

dsc_0250

E despois chegou o momento de contalo para Atlántico Diario…

Reportaxe dos 21 k Costa da Vela

Se alguén aínda non sabe do que estou a falar queda o mapa e o enlace á web. Xa tarda a súa volta, iso si, os que queira ir deberán ir ben adestrados.