Verbas dos Maios, figuras florais e radiografía social

maios04 (22)

Un primeiro de maio solleiro tomo o camiño de Redondela, entre manifestacións e novas de paro, no particular recuncho de Redondela é o momento da festa dos Maios. Nada máis entrar na Alameda, un rebumbio de xente amoréase entorno o palco onde chegan as primeiras cantigas. Un grupo de nenos entoan os versos confeccionados polos maiores:

Dan comezo os maios
e eu veño a cantar
contra os ladróns varios
que intenta roubar
 

Nos días previos, nenos e adultos recolectan flores e constrúen a súa particular creación. Nos últimos anos tamén teñen que inscribirse e, no momento indicado, presentarse en Redondela cos versos trenzados e cos conos, sempre maioritarios, as cruces e os motivos creativos para tentar levarse algún dos premios.

Din que representan
a quen queren calar
crean estratexias
para silenciar
 

Non obstante, as ‘coplas’ distribúense entre a xente, sempre pedindo a ‘voluntad’. E nos papeis, tradicionalmente, está recollida unha especie de resumo e manual de política local, autonómica e nacional. Os concelleiros de Redondela, de calquera partido, sempre están repartidos entre os asistentes e son os que deben aguantar o tirón e soportar as críticas.

Con esta corporación
sí que estamos apañados
non vaias pedirlle nada
senón estás afiliado

 

Algúns versos apelan a intelixencia, outros tiran de retranca e, nalgúns casos, tamén disparan de fronte e con nome.

Pepepe…. pero qué pasa?
Pepepe…. pero que é?
Pepepe… qués estamos fartos
das mentiras do PP
 

O alcalde de turno, Javier Bas, ten algúns versos dedicados con especial cariño, pero parece que no 2014 houbo outros nomes que despertaron máis admiración. Cospedal, Cañete ou a fuxida do Canceliñas inspiraron algunhas cantigas, aínda que a fuxida de Esperanza Aguirre con derribo de municipais de Madrid parece que se situou no primeiro persoeiros mencionados.

Por moito que haxa crise
non ten xustificación
os recortes que se fan
en cuestión de educación
 
A cadeira de El-Rei
xa está moito mellor,
non te caias outra vez
que me custas un pastón
 
 

De regreso ás temáticas, entre os tradicionais conos e as cruces. Este ano, unha delas con cristo crucificado (nunha celebración totalmente pagá), sempre chaman a atención os maios creativos. Na presente edición, sobresaíron os de temática local. A representación do Papamoscas e de María Castaña, dous vellos traballadores e, sobre todo, unha homenaxe a fábrica de Regojo que durante moitos anos deixou ducias de postos de traballo en Redondela. Coa cheminea, algunha foto antiga e o particular Alvedosa tinguido de azul.

Este ano dedicado
a industria dos telares
que fundou José Regojo
e afundiron os familiares
 

Boinas en nenos, conxunto de flores, concelleiros criticados, versos doentes e tradición popular. É o mellor resumo da tradición centenaria dos Maios de Redondela. Este ano sintetizada nas ‘coplas’ de O Regojo do Chan das Pipas, da Sociedad A Carambola, das Landriñas, do maio O Canastro, dos Rapaciños do Carballo e  do Cono dos Vimbios. No 2013 optei por falar de Bob Esponja e un carro de bois ¿qué enfoque trairá o 2015?